Thursday 02 de May de 2024

Silvia Agrafojo dará lectura mañá a un manifesto contra a Violencia de Xénero e presentará a campaña “A árbore do bo trato”


A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, dará lectura mañá mércores 25 de novembro, ás 13:00 horas, a un manifesto institucional co gallo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Un acto que terá lugar diante da Casa Consistorial de Lousame, fronte ao photocall de “A árbore do bo trato”, campaña de prevención da violencia contra as mulleres que está a desenvolver este ano o Concello de Lousame.
A diferenza de convocatorias anteriores, e como medida de prevención contra a covid-19, dende o Concello de Lousame non fan un chamamento á participación neste acto, que será difundido entre a veciñanza a través das Redes Sociais. Unhas Redes entre as que se está a desenvolver parte da programación do Concello de Lousame para conmemorar o 25 de Novembro.
Así, na web municipal ( www.concellodelousame.gal ) están dispoñibles os vídeos da campaña “A árbore do bo trato”, unhas sobreiras de Seoane que recollen preto de medio cento de mensaxes contra a violencia machista e a prol da igualdade de xénero enviadas na súa gran maioría polo alumnado do CPIP Cernadas de Castro pero tamén polos maiores dos obradoiros Activa-Mente, persoal municipal e veciños e veciñas de Lousame.
Os vídeos e/ou fotografías poden seguirse enviando por WhatsApp (689 126 385) ou por wetransfer ( nos@noscomunicacion.com ). Ao final de semana estrearase un vídeo con todas as achegas realizadas. “A árbore do bo trato” é unha campaña de prevención da violencia de xénero organizada pola Concellería da Igualdade do Concello de Lousame en colaboración co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e o Ministerio de Igualdade. A campaña está financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio da Igualdade.
Outras actividades
A maiores, dende o pasado mes de outubro o Concello de Lousame, en colaboración co CPIP Plurilingüe Cernadas de Castro, está a desenvolver o programa “Lousame Coeduca”, subvencionado pola Secretaría Xeral da Igualdade. “Trátase dun programa de actividades de sensibilización dirixidas a poboación infantil e xuvenil, dende 3 ata 16 anos para favorecer a coeducación e a promoción da igualdade de oportunidades, que fomenten a desaparición dos roles e estereotipos de xénero, o bo trato, e a mellora da convivencia familiar e na escola, en colaboración coa comunidade educativa; colexio, ANPA e familias”, explica a concelleira.
De feito, a participación na campaña “A árbore do bo trato” figura entre as actividades que a rapazada do colexio realizará durante esta semana e a que vén.